Buscar neste blog

martes, 28 de xuño de 2022

Luces de Alén Mar

Rememorando

Unha década cumprida

Tal día coma hoxe, o xoves 28 de xuño de 2012, preestreábase en Santiago de Compostela, no marco do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a exposición Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia, que levaba como subtítulo o referente motivador da iniciativa: «No centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e das súas realizacións académicas nas localidades de procedencia». A súa organización correspondeulle en conxunto ao Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Alí permaneceu durante os dous días de realización do plenario ao dispor, en primicia, dos participantes no mesmo como representantes das asociacións galegas espalladas por todo o mundo e integrantes como membros de feito e dereito do citado Consello. Co gallo desta presentación auroral editouse tamén a primeira versión do catálogo da mostra, composto pola totalidade dos seus paneis e senllas presentacións asinadas polo presidente do Consello da Cultura Galega naquela altura, Ramón Villares [«Luces de Alén Mar e abrentes escolares de esperanza»], o secretario xeral da Emigración, tamén por entón, J. Santiago Camba Bouzas, e o comisario da exposición, Vicente Peña Saavedra [«O compromiso educativo co futuro da Terra»]. O traballo de documentación correu a cargo de Carolina García Borrazas e Mª Teresa García Domínguez, documentalistas do Arquivo da Emigración, ademais do propio comisario. Cerca dunha trintena de institucións e particulares colaboraron con achegas gráficas, hemerográficas e arquivísticas para facer posible a materialización do proxecto, responsabilizándose do deseño a empresa Imago Mundi e correndo a impresión por conta de Alva Gráfica. Superada unha década, a mostra permanece en activo, sendo ata o momento a máis lonxeva das promovidas e realizadas no ámbito do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración.

 
 
 


 

xoves, 5 de maio de 2022

Proxeccións en rede

 Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR)

Ao día

Segundo anunciaba na entrada anterior, hoxe mesmo vén de actualizarse a información da ficha do Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR), no sitio web que o centro ten reservado no espazo corporativo da Red Mein-PHE, dentro da plataforma electrónica da SEPHE. O camiño continúa e por el andamos.


 

 

martes, 3 de maio de 2022

Proxeccións en rede

Primeiro trienio na Red Mein-PHE

Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR)

Dende febreiro de 2019, o Museo Escolar Comarcal do Ortegal (MECOR), forma parte da Red Mein-PHE (Museos, entidades e iniciativas del Patrimonio Histórico-Educativo), promovida pola Sociedad Española para el Estudio del Patrimonio Histórico-Educativo (SEPHE) e conta cun espazo de seu no sitio web de dita sociedade científica. O MECOR ten a súa sede física no antigo Escolar de San Claudio (Ortigueira), cuxa titularidade correspóndelle, por cesión da colectividade matriz radicada na Habana, á Asociación Centro Cultural Libro Vivo da propia parroquia.

Pupitre e material escolar do MECOR

 

Para máis información ao respecto pode consultarse a mencionada web corporativa e a entrada que nela se ocupa do MECOR. En canto á presenza de Galicia na Red Mein-PHE e os obxectivos programáticos que persegue esta experiencia de integración virtual, tamén pode ser de interese a nota publicada neste blog o 14 de novembro de 2018. En breve disporase de actualizacións do centro museístico de San Claudio, que arestora se atopa en proceso de renovación, catalogación e optimización dos seus ricos, variados e xenuínos fondos patrimoniais para unha exhibición máis idónea, coidada e atractiva dos mesmos ante o público que con asiduidade o visita.

 

Mapa sectorial da Red Mein-PHE

Ficha do MECOR no espazo web Mein-PHE